O excéntrico, o máxico, o esencial son tres dos principais condimentos que dan orixe a cada gran estourido LNB e isto, unido ao cheiro e ao intenso sabor dun petisco de queixo de nabiza bañado con viño do país, foi o que orixinou aló polo 2008 a histórica Conferencia Centro da LNB. Conferencia que acollía como ámbito de conflito bilhardeiro a Compostela e amplificábao a toda a súa zona de influencia con epicentro brutal no Pino, cos Furabolos como gran franquicia coordinadora de todo o entramado LNB e a Gentalha do Pichel, no corazón mesmo da cidade, exercendo de gran ola a presión e revulsivo bilhardeiro na vila do restaurante O Asasino. Porque se de restaurantes e tascas temos que falar para entender a civilización bilhardeira, nesta Conferencia Centro este eido adegueiro temos que elevalo á máxima expresión, xa que sen o Restaurante O Cruceiro do Pino, este rexurdir da tribo estornela non podería ser posíbel. Na explanada fronte ao Cruceiro, celebráronse as míticas edicións do gran evento desta Conferencia: “O Aberto do Fouciño de Ouro “. Un torneo que congregaba a participantes de todo o país, atraídos polo ouro bilhardeiro e pola gran festa final no marco dunha gran malla tradicional. Tampouco podemos esquecer o mítico All Stars do Pino, semente do camiño para que a febre LNB se espallara por Tordoia, A Pontraga, San Mateo, Castrofeito, Cerceda, Trazo, Tordoia… e así poder afianzar os brutais xostregazos dos Play Off Nacionais de Conxo, que xestionaban os irmáns da Asociación de Xogos Tradicionais de Conxo, dirixidos polo Comandante Mario e toda a súa imprescindíbel larada de colaboradores.
Cunha actividade en estado vexetativo dende o 2014, os palanadores e palanadoras da órbita estornela andan revoltos estes días de arrinque do aninovo chinés porque, coma un oso famento ao que lle chegou a hora de espertar do seu letargo, o espectacular cartaz anunciador da fundación dunha equipa de Bilharda em Compostela está funcionado como reclamo brutal para o cese da tregua e o retorno urxente ás armas de toda a tribo LNB de Compostela e da contorna. Afiade as estornelas e os fouciños, porque o bruar das billardas volta desafiar á cidade da cultura e todo o que elo representa, como xa fixo naquela mítica edición do Play Off Nacional e, para que quede constancia dilo en todos os universos e metaversos, a LNB sae das trincheiras da realidade física para converter o espectacular cartaz “Inscreve-te Bilharda Em Compostela” na primeira peza de CriptoArte billardeira, NFT pola que, ao igual que na poxa das uñas de San Lázaro, calquera poderá puxar e cuxo valor en euros ou bitcoins só o tempo e o destino poderán ditar. Billarda Sempre, Xacobeo Never More!! Anónate en bilhardasantiago@gmail.com
