De Castroverde a Pontenova. 50 km e moitas fanegas de billardas.
De Castroverde á Pontenova hai 50 km máis ou menos. Castroverde pertence a comarca de
Lugo e A Pontenova a da Mariña Oriental, para chegar dunha a outra hai que pasar pola Terra
Chá e pola comarca de Meira. Pois ben, toda esa xeografía foi a que cento seis persoas,
repartidas en nove equipos, cruzaron para dar comezo a tempada 2022/23 da LNB.
Comezamos en Castroverde o día 25 de setembro, día de feira, día de sol e día do primeiro
pleno acadado por Sachas, un dos favoritos para acadar o título de campión nacional deste ano
e poder desbancar ao McEnroe da billarda, Charly, que, como é costume, tivo un gran comezo e chegou ao desempate a catro polo segundo posto entre o seu compañeiro de equipo, Javi Morán, Pablo Gómez o moteiro de Castiñeiro Milenario e o Billardeiro Musical Manu Pozo. Máis foi Javi Morán o que levou o
segundo posto e o croque na cabeza despois de probar a súa propia billarda. O podio
completouno Manu Pozo, que cos seus puntos contribuíu a que os Billardeiros Musicais foran
os primeiros líderes da clasificación xeral de equipos.
Seixas, o capitán de Billarda Verde tiña todo ben disposto para ao acabar o aberto facer a
entrega de trofeos que o seu compañeiro Manu Polka elaborou no taller da Chintofanería.
Acabado o aberto a tribu billardeira asaltou a feira de Castroverde para acabar co polbo, os
cachelos, o pan, o viño, a Pitusa, o churrasco, o café, o licor café e, por suposto, o chupito de Almax.
Non é casualidade que esta feira coincida en día e hora con outra que se celebra a 50 km máis ou menos, saíndo da comarca de Lugo, atravesando a Terra Chá, a comarca de Meira e chegando a Mariña Oriental. ¡Si, A Pontenova!
Para falar da Pontenova hai xente que di que as súas minas tal, que a IPV cal, o río, os
faragullos, os fornos… Máis o que destaca da Pontenova é o seu equipo de Billarda, ¡Troitas
Bravas! Un grupo de persoas festeiras e comprometidas que saben como organizar unha
xornada como a do día 2 de outubro, que pasará a historia da LNB por ser a máis
multitudinaria. Ata o campo de fútbol da Mina chegaron 101 persoas para disputar a segunda
xornada abraiadas polo número de Troitas Bravas que ateigaba todos os recunchos do
billardódromo. Un total de 37 troitas albivermellas facía que miraras por onde miraras viras
peixes palanadores. Pero isto non amedrentou ás xoves promesas da Liga e foi unha delas a
que acadou o primeiro posto do aberto, Manu Caldeiro de Billarda Verde fixo 24 puntos e
levou a súa segunda navalla de campión do aberto do Ferro. Segundo foi outro mozo, que se
estreou, precisamente, neste aberto o ano pasado e xa está entrando en todas as quinielas
billardísticas, o Venezolano de Carabullo Anthony. O terceiro posto acadouno Regueiro, que
sendo o palanador que mais abertos leva disputados do seu equipo conseguiu acercarse ao
talento xuvenil das novas estrelas LNB. Por equipos foron de novo os Billardeiros Musicais os
que se levaron o primeiro posto, seguidos por Troitas Bravas e por Carabullo.
Como é costume xa, acabado o aberto chegou a hora de xantar e 70 persoas, moitas máis das
que participan noutros eventos amparados polas bandeiras da Xunta de Galicia, sentáronse á mesa xuntas no Lar da Balbina. Un xantar de irmandade que amosa o bo ambiente e
compañeirismo que manda na LNB, o cal fai que este modelo, con 17 anos de historia,
baseado na autoxestión, na amizade, na igualdade e no respecto pola cultura e a tradición, sexa
o que máis medra un ano tras outro: ¡Así é a Liga Nacional de Billarda!
A seguinte cita témola o 30 de outubro en Mosteiro (Pol), onde todas estades convidadas a
participar nesta loucura billardeira.
P.D: Do intento de roubo do tótem das Troitas Bravas por parte duns desaprehensivos, aínda non identificados, falaremos noutra ocasión e depuraranse as responsabilidades que faga falta.
¡Billarda Sempre. Adiante co Varal!









Muy bien,tal como e
GústameGústame