Crónica IV Aberto das Freces

Son só catro as edicións deste Aberto das Freces, pero podemos consideralo o mais histórico da LNB xa que, a finais dos anos noventa foi esta vila e ese mesmo lugar, o campo da festa, onde naceu a LNB da man dunhas persoas que lles andaba máis a cabeza que o almanaque. Vinte catro anos máis tarde deste acontecemento histórico, un deles segue palán en mao mandando billardas contra o varal, facendo varados de inquedanza cultural e dirixindo a tribo billardeira cara límites insospeitados alá polo ano 1999. Falamos de Xermán Viluba, o indomable escornabois que segue, peiteado polo vento, vendo como de catro pasamos a ser catorce, corenta, cento corenta e cada vez máis as persoas enganchadas a esta serpe multicolor que é a Liga Nacional de Billarda!

O Varal Lnb cargaou sobre as súas costas, sen medo ningún, a organización deste aberto, axudado nesta ocasión, polas xentes de Bretoña. Todo saíu como tiña que saír, seguindo uns guións insospeitados, cada unha das oitenta e unha persoas que se deron cita neste aberto tiña o seu propio guión, aínda que só un se cumpriu á perfección. Xosé Manuel, o capitán de Castiñeiro Milenario, unha persoa que entrou a ferro e lume na LNB e no corazón de todos e cada un dos palanadores que se dan cita aberto tras aberto, tiña escrito no seu maxín que Bretoña era o lugar idóneo para facer o seu mellor resultado e levarse o seu primeiro aberto. Así foi, pleno de puntos, vinte cinco e gañador indiscutible! Pero aínda lle quedaban outros xiros no seu particular guión. Ademais de gañar el e levar a bola de liscos, tería que facelo acompañado de Vanesa, a súa compañeira de equipo foi a campiona feminina con dezanove puntos. Varios rumores din que sería froito este resultado dun brebaxe máxico chamado Aloumiña, mais isto nunca o saberemos, o que si temos moi claro é que Xosé Manuel, o mítico spiker breoganista, soubo levar a cabo o seu guión imposible só a ollos de descreídos!

A Xosé Manuel seguírono no podio Noé Rodríguez de Troitas Bravas Billarda e Manu Pozo dos Billardeiros Musicais. No podio feminino a Vanesa seguírona Aroa de Billardeiros e Antía de Troitas.

Por equipos, para continuar con todo este clima histórico, os vencedores non foron outros que os Billardeiros Musicais, o equipo LNB máis laureado que foi seguido das troitas bravas e de Carabullo.

Ao remate do aberto e antes da entrega de trofeos e das bolas de liscos, as xentes celtas de Bretoña, descendentes de Maeloc agasallaron a todos os participantes con unhas ricas freces, alimento de traballadoras que terá o 23 de abril a exaltación do produto na vila.

A próxima cita LNB terémola e Muimenta o 22 de abril da man dos Carabullo. Agardaremos ata esa data para ver cal é o guión que trunfa nesa ocasión!

Billarda sempre! Adiante co maxín! Adiante co Varal!!

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s