¡Achégase unha fin de semana que vai a tope coa billarda!
Este sábado 4, a partir das tres da tarde, en Lugo, volve A Candeloria, un dos festivais que apostou, desde o principio, pola billarda como un dos seus eventos na programación. Así que prepara o teu uniforme festivaleiro: palán nunha mao e na outra a guitarra eléctrica.
E o domingo 5, se cadra con resaca, ás once da mañá en San Miguel de Reinante, o noso gran seleccionador Flores comandará o seu aberto, un dos máis históricos e antigos da LNB, a duodécima edición do Aberto de Flores xa está aquí.
Billarda sempre! Adiante co Varal, co punk-rock e cos chistes de Flores!
Once edicións deste Aberto do Ferro que tan magnificamente organizan as Troitas Bravas da Pontenova nun dos campos máis espectaculares de toda a Conferencia Norleste. Este domingo haberá que ir “pescar” ás augas do Eo, cousa que se antolla complicada vendo o espectacular estado de forma de Sachas e do cardume de troitas bravas que van chegar ao campo da mina.
Hai uns anos a prensa mundial e a grea do politicamente correcto botáronse enriba do gran pelotari basco Bixente Larralde, cando iste, despois dunha gran vitoria na pista de xogo, na cea de celebración decapitou un galo coa boca ao estilo Ozzy Osbourne co morcego. Larralde alegou, en defensa propia, estar baixo os efectos do alcohol, unha causa que xa se presumía no vídeo de escasamente sete segundos que narraba a xesta que se fixo viral inundando as redes facendo saír ouveos de condena ao acto de celebración dende o partido PACMA ate a fundación Brigitte Bardot.
Deporte e rock pesado e indíxena, coma Bixente e Ozzy Osbourne, coma a Billarda e os Abertinhos da LNB nos Festiviais da Galiza e do exterior… “SE NON TÉS PALÁN, POÑÉMOLO NÓS”, porque cada Abertinho nun festival é un pasaporte cara a unha inmolación segura en alcohol, drogas e suores compartidos que che propón a LNB para combater a Banda Sonora Establecida que vai dende a Panorama a Rosalía (a unha e a outra) – Bravos en Ourol, Indianos en Ribadeo, Pardiñas en Guitiriz, Castiñeiro Milenario en Begonte, La Karmela en Vallekas…colle o palán e o manual do Activista LNB para que en cada cada Festival haxa celebración incendiaria cun Aberto da LNB!!
Velaí vén unha nova edición da Festa dos Xogos Tradicionais que organiza un ano máis a xente de Xotramu. No campo da Igrexa Vella as billardas volverán zoar polo ceo de Muimenta. Os xogos tradicionais non paran, ¡a billarda non para!
E é que a billarda deixa resaca a nivel emocional 😊
No I Aberto de billarda da Festa da Troita da Pontenova vivimos un cúmulo de momentos que revolven por dentro e recolocan por fóra…e nunca mellor dito!
A uns máis alto que a outros, iso si! Pois os premios foron de altura…
Tirolina as Minas quixo, doando os premios, que algún dos participantes voase máis alto que as billardas e observase A Pontenova dende outra perspectiva.
A chegada ao Pozo da Ola foi para case todos en manga corta e con protección solar a xeito de puchas, sombreiros, etc…
Algúns xa traían a calor de compañeira…pero de seguido o resío do Río fíxose notar e o vento facía que fose necesario en pouco tempo ir sumando capas (como as boas cebolas!)
Preto de 50 persoas reunidas dando golpes ás estornelas e ao ar, que como podedes imaxinar despois de ler ata aquí, era moito e “collíase” con facilidade…e hai que ser honestos, tanto a xente que se animou a probar por primeira vez, como aqueles que levan tempo no apaixoante mundiño,…daban golpes con resultados variados 😅 parece que o ar se enganchaba con máis soltura que as billardas 😱
Pero non remata aquí a historia deste sábado… aconteceron alí grandes negociacións entre diferentes membros dos equipos para tratar os comentados premios de altura, aínda que finalmente so puideron ser para os tres campións: Manu Caldeiro que A Pontenova semella ser o seu couto particular, Charly e Albino, todos de Carabullo e a campioa foi Mari Carmen de Trotas Bravas. Noraboa billardeir@s! Agora toca que cavilen con quen comparten os agasallos, pois as aventuras eran para dous😉
E coma en toda boa troula, non faltou a música e o baile; a agrupación local “A Chocolateira” tivo o detalle de acompañarnos ao remate do xogo para amenizar a entrega de premios e permitir que varios d@s participantes se animasen a botar un pe para quentar motores e, se cadra, seguir a festa despois.
E se nalgún intre, antes, durante ou despois, sentías ganas de mollar a palabra ou alixeirar a gorxa, aí estaba o equipo anfitrión con camareiro (Guti) ao longo de toda a xornada para facer sinxelo o acceso á beberaxe😊
Fin da pandemia ou non, máscara ou sorriso, choiva ou sol, quedo na casa ou fago un plan de fin de semana…nesta época que vivimos todo son dúbidas transcendentais, ¿verdade? ¡Nós traemos a solución! A Liga Nacional de Billarda conferencia NorLeste está a piques de rematar, pero…¡ sen billarda non podemos quedar! Este sábado a partir das cinco da tarde á beira do río, en pleno Pozo da Ola, no concello da Pontenova, convidámosvos a participar na I Xornada Billardeira Festa da Troita. O son do palán sentindo o ar na faciana, aporta a mestura ideal entre calma, acción e decisión que estades precisando, así que vinde a facer que salten máis as estornelas que as troitas!
E por se aínda estades a dubidar… confesamos que hai vertixinosos premios para dar! Esta será a primeira, pero non consentiremos que se converta na derradeira porque…
¡Xogamos na eira, xogamos no parque e non pararemos ata xogar en todas partes”
Se o vello Sinbad volvese ás illas, faríao deixando o seu batuxo imposibel á beira do río Masma e, acompañado por Sari, percorrer a cabalo dunha burra a máxica travesía que vai dende a antiga taberna da Retorta, onde se comían as mellores troitas do mundo, ate o barrio dos Muíños para saborear os petiscos e o viño do Valeco. Ó pasar por Coubeira, Sinbad atoparíase coa incríble tribo de Cochos Celtas que alí habitan, xunto coas vacas Cachenas e as galiñas de Mos, nun espectacular caladeiro ecolóxico de crianza autóctona dirixido polo xoven Nacho López. Pero o impacto máis brutal para o Mariño Sinbad e o seu criado, sería sentir o ruxir e o bafo da perigosa serpe multicolor que no campo municipal de fútbol de Mondoñedo, despois de dous anos sen acudir á vila do Pallarego polo suposto andazo chinés, retornaba, coa forza dun xabaril ferido, o Aberto de Billarda da Tarta de Mondoñedo.
Preto dun cento de palanadoras e palanadoras xunguidos á LNB (Liga Nacional de Billarda) acudiron prestos ó ouveo do Varal para disputar a primeira edición post-pandémica diste mítico torneo de billarda nas máxicas terras de Cunqueiro e da Taberna do Valeco. Mateu, o xovencísimo palanador dos Madia-Leva de Lugo, alcumado polos seareiros coma o Pedri da Billarda, acadou o terceiro posto no podio. Daniel de Billardeiros Musicais de Ribadeo o segundo e Charly de Carabullo levou para Muimenta a tarta grande do Val do Brea coma campión absoluto do Aberto. Unha mesma tarta despois dunha mesma loita que levou tamén a franquicia de Charly, Carabullo, coma equipa gañadora dista grande chega de bois billardeira, e non foi niste Aberto ningunha tarta marca do rei porque, ademais de non haber quen as trague, para a LNB na repostería, ó igual que na vida mesma, non recoñecemos ningunha raíña nen rei. Unha República Billarda que resoou en cada sopro de Chousa ás lapas, celebrando o aniversario e en cada grolo de viño do país co que os representantes da LNB-Mondonhedo, Merce e Xosé Manuel, agasallaron ó final do Aberto na Taberna do Valeco ós palanadores e palanadoras que quixeron alongar os seus varados ate o infinito.
Sinbad retorna ó batuxo a altas horas da madrugada tordeando e, desconcertado, pregunta a Sari se o Aberto de Billarda era en realidade ise experimento segredo do que fala o Indixenismo sobre a primeira macrogranxa de cochos e cochas celtas da Galiza… Billarda Sempre, Adiante con Sinbad!!
O Varal quere informar sobre a suspensión do Aberto da Galiña de Mos que se ía celebrar este domingo 16 de xaneiro.
Chaínzos-Cadaval, como equipo organizador, comunica esta semana que, dadas as circunstancias actuais, non se pode celebrar o aberto previsto e propón suspender ou adiar o evento.
Ante este feito, O Varal propuxo unha reunión telemática para tratar o tema da suspensión, na que houbo representantes de todos os equipos, agás membros de Chaínzos-Cadaval que reixeitaron o convite a dita reunión.
En dita xuntanza, aceptouse adiar o aberto ata que se dean as condicións oportunas para a súa celebración, de xeito que, por circunstancias alleas á Liga Nacional de Billarda, queda adiado ata nova data.
O Aberto da Galiña de Mos volverá para ser o que sempre foi, máis pronto que tarde. Aproveitamos a ocasión para convidarvos a xogar na Conferencia Mai, o Aberto de Mondoñedo o vindeiro 13 de febreiro.
A LNB, iste pasado domingo, puido constatar, entre outras cousas, que a Devesa é, polo de agora, territorio libre da brutal praga de ratas-teipa que asulaga moitos dos prados da Galiza, ó contrario foi esceario dunha posta en escea que non deixa dúbidas que, con mascarilla ou sen ela , con vacinas ou sen elas… a billarda é un andacio para o que non existe antídoto posíbel por moi profundo que o bérrago se introduza no pelexo da palanadora, palanador ou palanader.
Pese ao troco de data polo anagamento do terreo de xogo que obrigou aos Billardeiros Musicais, equipa organizadora do estalo, retrasar unha semana a data do Aberto, un espectacular sol matratou a xostregazos a mañá do domingo 19 de decembro para recibir a case un cento de participantes niste mítico Torneo do Galo que, por primeira vez na historia, decidía non levar á pista de xogo un animal vivo, senón agasallar cun trofeo conmemorativo, tratando así de integrar todas as sensibilidades que percorren o surco alimentario dende o canibalismo ao veganismo máis extremo.
Catro pistas acolleron aos 8 grupos nos que se englobaron os participantes niste gran aberto á beira da ría do Eo que tiña ós palanadores das Troitas Bravas Navallo e á serpe de Riotorto Sachas, recén aterradas na Devesa pola tirolina dos éxitos que conecta A Pontenova con Lugo , coma grandes favoritos para facerse co prestixiosísimo Galo de Natal da LNB . Mais a convulsión absoluta propiciada na pista de xogo pola irrupción de estrelas míticas coma Xosinho combinada co estourido de novos referentes coma o volcán Kanario Marc d@s Madia-Leva pasando polo filtro afgano das barbas de Collazo e os bouridos de Alvariño fixo que iste derradeiro aberto de xeira pandémica do 2021 se convertira nun bruar continuo de esperanza cara a un cada vez máis preto futuro ceive e indíxena. Pese a non poder asaltar o máis alto do podio individualmente, as Troitas Bravas ousaron facerse co triunfo na categoría de equipas vacinando dúbidas ós Billardeiros Musicais pendendes dunha PCR no próximo aberto da Galiña de Mos de Castro Ribeiras de Lea. Quen non tivo dúbidas en ningún intre do torneo foi Javier do Cadaval, o intratábel palanador silencioso foi facendo camiño ó palanear ate chegar á final e coma un raposo famento facerse co Galo de Natal da LNB. Moitas fiadas voltáronse a tecer niste aberto da Devesa para afianzar a gran rede de influencia e afluencia da LNB , iste natal non deixes que as mazás podres manchen o cesto… Apalpador Sempre, Adiante co Varal!!