Crónica do XII Aberto do Coello de Suso

A Conferencia Norleste da Liga Nacional de Billarda chegou á súa fin. E ao igual que tódolos anos fíxoo co “Aberto do Coello de Suso” en Remourelle. Despois de dous anos sen o festivo peche final de temporada por mor da Covid, este ano tódalas palanadoras da serpe multicolor puideron gozar na pista e logo no baile-torrezmada final.

Sesenta e sete palanadoras se xuntaron nunha derradeira xornada na que, ademais do típico ambiente festivo, o cadro clasificatorio deseñado por Muriego foi visitado acotío para ver quen se alzaría co campionato. Unha fermosa parella de coellos criados con esmero por Villarino agardaban expectantes nunha tarde que ameazaba choiva, pero que rematou cun sol que convidaba a unhas cervexas servidas na TabernaLNB por Sandra e Lucía. Como é habitual nas últimas temporadas, os dez primeiros clasificados na xeral competiron no mesmo grupo e os máis ‘terrenais’ dividíronse noutros seis grupos.

A xornada serviu ademais para presenciar a volta ás pistas da LNB de varios palanadores históricos que tiñan o palán colgado. Marcos decidiu voltar no aberto da casa e formou parte duns Remourelle Bulls que rememoraron vellos tempos e acadaron a segunda praza por equipos. Tamén Andrés e Ginés, que formaran parte da franquicia local no seu día, voltaron á competición. Non sabemos se veñen pra quedar!

A competición voltou a demostrar unha vez máis a saúde da serpe multicolor, e amosou o bo facer dos máis novos. Os Diego, Mateu, Maré e moitos outros darán moito que falar máis cedo que tarde. Como era previsible nunha pista tan rápida como é a de Remourelle víronse un bo número de entradas directas e golpes espectaculares, onde Mark dos Madia Leva acadou puntos ao máis puro estilo dos Harlem Globetroters.

Nos seis grupos nos que o campionato ligueiro non estaba en xogo, tres palanadores sumaron 22 puntos. Jorge, dos Remourelle Bulls, Antom dos Madia Leva e Alvariño foron os mellores e tocoulles agardar se algún dos ‘favoritos’ os superaba.

O grupo dos favoritos non defraudou. Charli partía con sete puntos de vantaxe sobre Daniel e oito sobre Sachas. O de Muimenta non quixo dar ningunha oportunidade ao resto e comezou cun golpe directo para despexar dúbidas e incluso incrementou a diferencia na primeira praza. Os integrantes do podio non deron oportunidades aos perseguidores. Daniel amosou unha gran regularidade e Sachas, a pesar do seu comezo dubitativo refíxose e mantivo a terceira praza. Ao remate das cinco carreiras, Charli xa co campionato no peto, Regueiro e Isma sumaron 22 puntos e xogaron tres carreiras de desempate para dirimir o gañador do aberto.

Charli amosouse intratable e gañou as tres carreiras e fíxose co coello de Suso. Segundo foi o seu compañeiro Isma, amosando o gran nivel de Carabullo, e terceiro foi Regueiro, o capitán dos Troitas Bravas, ao que as presas por marchar muxir non lle xogaron unha mala pasada.

Na final de varados enfrontáronse os dous únicos palanadores que conseguiron semellante fazaña nesta campaña, Sachas de Troitas Bravas e Chousa de Carabullo. Tal como se agardaba, esta “pelexa de galos” non defraudou e despois de varios intentos, Chousa, cun golpe realmente incrible conseguiu levar o campionato para o seu equipo.

Remata a tempada e hai que dar os parabéns pola marabillosa organización a todos os equipos responsables de cada un dos abertos que configuran a Liga Nacional de Billarda, aos palanadores e palanadoras que fan centos de quilómetros ao ano para gozar desta paixón da billarda e que sen eles a LNB non existiría e, por suposto, aos campións e campioas. Para o ano máis e mellor, a LNB é imparable ¡Billarda sempre!

Marcos.

Advertisement

XII Aberto O coello de Suso

Con esta nova obra de arte do artista da LNB, Muriego Álvarez, os Remourelle Bulls convidan ao último aberto da tempada.

Ao terminar este XII Aberto do Coello de Suso terá lugar unha nova Torreznada Fest Billarda durante a cal se fará a entrega de trofeos de unha das tempadas máis igualadas e de máis participación da historia da LNB!

Adiante co Varal! Remourelle sempre!!

A billarda e o seu Todo Incluído

TODO…

(o bo)

Fin de semana de billarda…

Fin de semana de resaca…

E é que a billarda deixa resaca a nivel emocional 😊

No I Aberto de billarda da Festa da Troita da Pontenova vivimos un cúmulo de momentos que revolven por dentro e recolocan por fóra…e nunca mellor dito!

A uns máis alto que a outros, iso si! Pois os premios foron de altura…

Tirolina as Minas quixo, doando os premios, que algún dos participantes voase máis alto que as billardas e observase A Pontenova dende outra perspectiva.

A chegada ao Pozo da Ola foi para case todos en manga corta e con protección solar a xeito de puchas, sombreiros, etc…

Algúns xa traían a calor de compañeira…pero de seguido o resío do Río fíxose notar e o vento facía que fose necesario en pouco tempo ir sumando capas (como as boas cebolas!)

Preto de 50 persoas reunidas dando golpes ás estornelas e ao ar, que como podedes imaxinar despois de ler ata aquí, era moito e “collíase” con facilidade…e hai que ser honestos, tanto a xente que se animou a probar por primeira vez, como aqueles que levan tempo no apaixoante mundiño,…daban golpes con resultados variados 😅 parece que o ar se enganchaba con máis soltura que as billardas 😱

Pero non remata aquí a historia deste sábado… aconteceron alí grandes negociacións entre diferentes membros dos equipos para tratar os comentados premios de altura, aínda que finalmente so puideron ser para os tres campións: Manu Caldeiro que A Pontenova semella ser o seu couto particular, Charly e Albino, todos de Carabullo e a campioa foi Mari Carmen de Trotas Bravas. Noraboa billardeir@s! Agora toca que cavilen con quen comparten os agasallos, pois as aventuras eran para dous😉

E coma en toda boa troula, non faltou a música e o baile; a agrupación local “A Chocolateira” tivo o detalle de acompañarnos ao remate do xogo para amenizar a entrega de premios e permitir que varios d@s participantes se animasen a botar un pe para quentar motores e, se cadra, seguir a festa despois.

E se nalgún intre, antes, durante ou despois, sentías ganas de mollar a palabra ou alixeirar a gorxa, aí estaba o equipo anfitrión con camareiro (Guti) ao longo de toda a xornada para facer sinxelo o acceso á beberaxe😊

Foi o primeiro, pero non será o derradeiro!

Billarda sempre amig@s!

…INCLUÍDO

(sempre)

Tania

I Xornada Billardeira Festa da Troita

Fin da pandemia ou non, máscara ou sorriso, choiva ou sol, quedo na casa ou fago un plan de fin de semana…nesta época que vivimos todo son dúbidas transcendentais, ¿verdade?
¡Nós traemos a solución!
A Liga Nacional de Billarda conferencia NorLeste está a piques de rematar, pero…¡ sen billarda non podemos quedar!
Este sábado a partir das cinco da tarde á beira do río, en pleno Pozo da Ola, no concello da Pontenova, convidámosvos a participar na I Xornada Billardeira Festa da Troita.
O son do palán sentindo o ar na faciana, aporta a mestura ideal entre calma, acción e decisión que estades precisando, así que vinde a facer que salten máis as estornelas que as troitas!

E por se aínda estades a dubidar… confesamos que hai vertixinosos premios para dar!
Esta será a primeira, pero non consentiremos que se converta na derradeira porque…

¡Xogamos na eira, xogamos no parque e non pararemos ata xogar en todas partes”

( Billarda sempre! )

Tania

Crónica do IX Aberto “A terra non se vende”

Estadio do Pichón. Muimenta. Exterior. Día. Son as catro da tarde e a calor abafa.

Ás portas do estadio aparca un coche. Un utilitario, un pouco vello de cor vermella esvaecida.

Non sen certas dificultades, unha familia baixa do vehículo. Unha familia normal de clase traballadora.

Paseniño entran no campo, algo despistados, case como sen querer.

Luís, o condutor do automóbil, achégase dubidoso a un dos responsables, ou esa é a sensación de Luís.

-Boa tarde -saúda Luís- dixéronos que hoxe se había billarda aquí.
-Pois si, afirma o responsable, hoxe temos xornada de liga.
-E, ¿poderían xogar as nenas? É que sendo unha xornada de liga, solta dubidando. A verdade, di Luís, é que o outro día probaron en Bretoña e prestoulles tanto…- A súa faciana reflicte a emoción dun pai agradecido-, ¿sabes? ¡A Antía ata fixo un punto!

-A cámara fai un primeiro plano, enfocando aos ollos, case húmidos pola emoción-

-¡Claro! ¡Claro que poden xogar! Xa me acordo dela, di o responsable, a irmá… ¿Alba?
-Si, tamén quere xogar. E…
Nese intre Alba da un paso, vírase cara o pai e espétalle unha mirada de ilusión como
pedindo un agasallo aos reis.
-Papá, ti tamén xogas e a Mamá tamén, berra Alba
-¡Podedes xogar os catro! Chámanse abertos por iso.

Fundido a negro.

O seguinte plano é de Alba e Antía cun palán na man collendo unha billarda do chan.

Fundido a negro

Deste xeito, foi como Alba e Antía xogaron o seu segundo aberto e Mercedes e Luís o primeiro. Esta historia, non é un filme, foi o que aconteceu, máis ou menos, este sábado en Muimenta. E así ata completar un total de trece persoas que xogaron por primeira vez á billarda ese día na Conferencia Mai, a Norleste.
Se a LNB se fai grande, día a día, é por cousas coma estas. Un modelo autoxestionado, sen institucións por detrás que se movan por intereses económicos ou egos persoais.

Se queres xogar, xogas. Se non tes palán, traémolos nós (poderían cantar Os Labregos do tempo dos Sputniks). Se non tes billardas, colles das nosas. Se non sabes xogar, ou as regras, ou arbitrar, ensinámosche nós. Se che presta, que che vai prestar, volves cando queiras, cando che dea a gana ou cando che pete.
Por iso a LNB medra, por iso, o sábado se xuntaron noventa e dúas persoas para xogar, por iso somos a única liga de billarda que medra en Galicia. Sen federacións, sen televisión (a revolución non será televisada berraba Gil Scott-Heron hai cincuenta anos), sen Got Talent, sen mutilar tradicións, sen imitacións, sen os logos da Xunta, esa mesma Xunta de Galicia que non queremos que nos recoñeza como deporte, porque nós non os recoñecemos a eles.

Como dicía o Manuel María no Guerrilleiro da Patria asoballada,

“Unha terra de nós era o teu norte,

un pobo traballador, ledo e baril,

unha conciencia viva , alerta e forte

se fai falla, nós “empuñaremos o teu fusil”

Medramos, e nós sabemos ben o porqué. Porque Calvete o soñou, porque Xermán o empezou, porque podes marchar e volver, que aquí tes o teu fogar, porque temos a forza que Mario, Suso, Xosé, Chupi, Julio, Jorge e os que marcharon máis cedo do que deberan nos deron. Porque nos presta o que facemos, porque non seguimos ídolos, porque as nosas referentes son aquelas persoas que están ao noso lado, non por diante, nin por detrás, porque tentaron agredirnos e xuntas levantamos o palán para defendernos, porque quen tentou calarnos quedará xordo ao oír as nosas gorxas berrar xuntas e porque a nosa historia, ¡facémola nós!! Queda claro ata aquí que o IX Aberto de Billarda “A terra non se vende” foi un xute de forza, moral e irmandade que non ten volta atrás.

Voltando ao sábado en Muimenta, o tempo axudou, o campo estaba fermoso, a veciñanza colaborou e os Carabullo quixeron aproveitar todas as conxuncións para que a xornada fose redonda. E vaia que si o foi, sobre todo, para eles, oitenta e sete puntos para gañar por equipos, primeiro e segundo posto individual e unha foliada post aberto na que demostraron, tamén, o talento musical de boa parte do seu plantel.
Por equipos, os Carabullos sacaron catorce puntos a Billardeiros Musicais e a Troitas Bravas, mais foi a expedición da Laracha, Campo da Feira, a que máis preto deles estivo, quedando a trece puntos dos locais que se afianzan como líderes na xeral con dezasete puntos de vantaxe sobre Troitas e vinte e tres sobre Billardeiros.
Iso no que respecta a competición, xa que na mesa e na sobremesa destacaron Castiñeiro Milenario que levou dez persoas ao xantar antes do aberto, seguidos de preto por Madia Leva e quedando un pouco descolgados Billarda Verde que esta xornada non presentaron kilos nin chupiños.
Na clasificación individual o mediano dos Morán, Javi, acadou vinte e tres puntos, os mesmos que Charly, pero non lle deu opción ningunha na final, gañándolle a guerra psicolóxica dende o principio. Mais este segundo posto de Charly serviulle para asentarse no primeiro posto da xeral con sete puntos de vantaxe sobre Daniel e oito sobre Sachas.

A seguinte xornada será a derradeira da tempada. A LNB volve á casa, volve a Remourelle e os Bulls serán os encargados, coma todos os anos, de poñer o remate de ouro á Liga.
Unha xornada de seguro ben emocionante na que se decidirá unha das ligas máis igualadas da historia.
Billarda Sempre!! Auténtica sempre!! Adiante co Varal!!

IX Aberto “A terra non se vende”

¡Aínda coa resaca billardeira de Bretoña e a enchenta de freces e xa temos nova cita!

Este sábado ás catro e media da tarde toca Muimenta. Toca o IX Aberto de Billarda “A Terra Non Se Vende”. Aberto que sempre utilizamos para protestar contra o espolio mineiro na Terra Chá e en toda Galiza!

Bretoña, O Lugnasad das freces da LNB!!

Non hai un mellor sitio no país enteiro, se un pensa nun lugar no cal realizar un Exilio Interior perpetuo, como alí, ó carón de onde as  bestas bravas nacen e as cegoñas quentan e defenden o seu ovo no niño. Nese luar realizouse unha nova edición do, xa mítico, Aberto das Freces da LNB , un dioivo de emocións incontidas que estouraron coma un relampo de lume no campo da festa da parroquia do Alegre. Chegaba a serpe multicolor, cos dentes afiados de Begonte, e facíao atraida polo engaiolante arrecendo das poderosas Freces. Un espectacular día amenceu vermello para recibir a toda a tribo indomábel do palán ergueito, billardas ó ar nunha tarde esplendorosa na que, coma decotío, unha brutal restra de xuramentos estouraba no horizonte cando a cachiza esquivaba o Varal; unha restra de mensaxes tamén entre os comandos billardeiros antes de iniciarse o aberto, anunciaba un posibel control policial na recta de San Tomé (na parroquia veciña de Lourenzá), estrada obrigada para moitos indomábeis palanadores e palanadoras; mais non era un despregue represivo para o control do morapio dos conductores, senón o levantamento dun cadáver dun deportista tradicional, xogador de bolos celtas, que en estrañas circunstancias colleu a escaleira ó ceo. Co ruxe ruxe do suceso percutindo nos ouvidos dos case un cento de participantes, a mellor competición de billarda do mundo, continuou coa súa poderosa loita do home conta a madeira, na procura dun campión ou campioa  que erguera as Freces no máis alto do Lugnasad. Entre unha multitude expectante o  lusco e fusco acolleu a gran final polo título que enfrontou á super-estrela LNB Charly co gran Palanador dos MadiaLeva Xan. O de Lugo tentaba frear coma unha Galicola recén aberta  o empurre do palanador top de Carabullo, mais dista non puido ser, Charly abrazou a gloria unha vez máis deixando a Xan coas Freces e o mel nos beizos na  segunda posición e a un pletórico Muriego dos Remourelle Bulls na terceira praza, o Home-Marín dos Bulls non puido evitar unha emoción inmensa, ó borde das bágoas, compartida por toda a súa equipa que se desbordou co bico do palanador eo-naviego no podium ó escudo da súa franquicia.  Nun campo de Bretoña aló polo 1999 comezou a loita, hoxe, vemos claro, que outro deporte é imposíbel  …Bretoña e as Freces Sempre, Adiante co Lugnasad!!

Crónica I Aberto do Castiñeiro

A serpe multicolor da LNB

Pódense lanzar máis eloxios dos que xa se lles dixeron dende o 20 de marzal, á última franquicia que chegou á LNB, máis sempre serían poucos para definir a esta xente. Grandes Castiñeiro Milenario.

Organizan un dos mellores festivais do país, foliadas abertas, están ao carón das causas sociais, teñen un grupo de música tradicional, defenden coma poucas o patrimonio galego, organizan actividades durante todo o ano… e por riba, métense de cheo na historia da LNB organizando o Primeiro Aberto do Castiñeiro de forma exemplar, cun campo perfecto, con agasallos abraiantes, lanzando ás redes uns carteis espectaculares,  preocupándose de organizar un xantar colectivo e tamén traen un dron para dar que falar! Pero iso non é todo, o máis importante é que son un exemplo a seguir e un grupo de persoas fermosas por dentro e por fóra.

O domingo espertou solleiro, iso non o organizaron os de Castiñeiro, que algunha cousa tamén tiña que deixarse ás sortes, pero tamén axudou a que ao redor das once chegaran ao campo de Pacios as primeiras palanadoras, unhas tras outras ata completar 71 en total. Temos que recordar que xa no Festival 27373 se apuntaron 55 persoas nun aberto que xa é referente no vrao chairego.

A Daniel, dos Billardeiros Musicais, sempre se lle atragoou o aberto no festival pero, sen cervexa Aloumiña polo medio, non tivo rival nesta ocasión. Fixo 23 puntos e a recoller o primeiro premio, unha cesta de produtos locais, un castiñeiro e un trofeo que se levou para Ribadeo o Astérix da LNB.

O segundo posto ocupouno Regueiro con 22 puntos, que comandou tamén ao seu equipo, Troitas Bravas ao primeiro posto por equipos e, como consecuencia, púxose líder na xeral. Terceiro foi, tamén dos Billardeiros, Basilio con 21 puntos. Os agasallos para eles foron similares ao primeiro posto.

Castiñeiro organizou un gran aberto como xa comentamos, pero algúns palanadores marcharon escaldados e doentes coa organización. Tanto Chousa, o que máis podios ten, coma Ismael, o que máis vitorias logrou historicamente no Aberto do Festival 27373, botaron sapos pola boca, queixándose de que non houbera no bar cervexa artesá Aloumiña, o elixir que iguala as condicións billardísticas e reflexos de todas aquelas que a consumen. Se cadra alguén, intencionadamente ou non, ou quizais os propios de Castiñeiro, untados por vai ti saber que poderes fácticos, ocultaron a presenza da cervexa Barón Roxo nas navetas do bar ou, tamén pode ser, que estes dous palanadores só lle apuntan coas condicións físico-psíquicas diminuídas. A saber.

Outra cousa a destacar é a remontada que se prevé doutra equipa que rexurde. Billarda Verde quedou en sétima posición na xeral por equipos grazas as novas fichaxes, tres en total, a turinesa Giulia, o retornado Adrián e Leda, a máis nova de toda a LNB. Gran labor do seu capitán Seixas.

O murimarcador, obra de arte LNB

De novo, coma no resto de abertos da Liga brillou de forma especial o marcador. Muriego é o artista de referencia no mundo da billarda e cada aberto fai unha obra de arte. Xa lles prestaría no Anxo Carro ter un marcador así, xa lles prestaría ter un marcador… Que llo pidan a súa Federación. Máis nunca será coma o da LNB.

Dende o día 20 de marzal do ano 2022 xa non se entenderá a LNB sen Begonte, nin a Begonte sen LNB.

Adiante co Varal e Castiñeiro sempre!!

I Aberto do Castiñeiro

O 20 de marzo chega, por fin, a LNB a Begonte. Castiñeiro Milenario será o encargado de organizar este aberto por primeira vez. Unha nova conquista da LNB na Chaira.

Deixamos a cartelería e o vídeo que as compañeiras de Begonte foron espallando pola rede