Chega de novo a billarda salvaxe, chea de sensacionalismo, de escenas impactantes, homes coas tripas de fóra por culpa dun palanazo mal dado, mulleres esfoladas por unha billarda afiada de máis, cativos e cativas bébedas (coma Suelen) por culpa do túzaro do bar da LNB, vellos empalados cun varal colocado do medio do campo, vellas sacrificadas ao deus “VARAO”…Todo isto ben podía ser escenas dunha película Mondo.
Pero non.
O único Mondo que vas atopar esta xornada é MONDOñedo, así que esquécete do gore e do amarelismo culturalista e prepárate para unha apaixonante cuarta xornada da Liga Nacional de Billarda, prepárate para XI Aberto da Tarta de Mondoñedo. Ollo non estea envelenada.
Se o vello Sinbad volvese ás illas, faríao deixando o seu batuxo imposibel á beira do río Masma e, acompañado por Sari, percorrer a cabalo dunha burra a máxica travesía que vai dende a antiga taberna da Retorta, onde se comían as mellores troitas do mundo, ate o barrio dos Muíños para saborear os petiscos e o viño do Valeco. Ó pasar por Coubeira, Sinbad atoparíase coa incríble tribo de Cochos Celtas que alí habitan, xunto coas vacas Cachenas e as galiñas de Mos, nun espectacular caladeiro ecolóxico de crianza autóctona dirixido polo xoven Nacho López. Pero o impacto máis brutal para o Mariño Sinbad e o seu criado, sería sentir o ruxir e o bafo da perigosa serpe multicolor que no campo municipal de fútbol de Mondoñedo, despois de dous anos sen acudir á vila do Pallarego polo suposto andazo chinés, retornaba, coa forza dun xabaril ferido, o Aberto de Billarda da Tarta de Mondoñedo.
Preto dun cento de palanadoras e palanadoras xunguidos á LNB (Liga Nacional de Billarda) acudiron prestos ó ouveo do Varal para disputar a primeira edición post-pandémica diste mítico torneo de billarda nas máxicas terras de Cunqueiro e da Taberna do Valeco. Mateu, o xovencísimo palanador dos Madia-Leva de Lugo, alcumado polos seareiros coma o Pedri da Billarda, acadou o terceiro posto no podio. Daniel de Billardeiros Musicais de Ribadeo o segundo e Charly de Carabullo levou para Muimenta a tarta grande do Val do Brea coma campión absoluto do Aberto. Unha mesma tarta despois dunha mesma loita que levou tamén a franquicia de Charly, Carabullo, coma equipa gañadora dista grande chega de bois billardeira, e non foi niste Aberto ningunha tarta marca do rei porque, ademais de non haber quen as trague, para a LNB na repostería, ó igual que na vida mesma, non recoñecemos ningunha raíña nen rei. Unha República Billarda que resoou en cada sopro de Chousa ás lapas, celebrando o aniversario e en cada grolo de viño do país co que os representantes da LNB-Mondonhedo, Merce e Xosé Manuel, agasallaron ó final do Aberto na Taberna do Valeco ós palanadores e palanadoras que quixeron alongar os seus varados ate o infinito.
Sinbad retorna ó batuxo a altas horas da madrugada tordeando e, desconcertado, pregunta a Sari se o Aberto de Billarda era en realidade ise experimento segredo do que fala o Indixenismo sobre a primeira macrogranxa de cochos e cochas celtas da Galiza… Billarda Sempre, Adiante con Sinbad!!
Quen nos ía dicir hai dous anos que a derradeira xornada do 2020, sería en Mondoñedo. Pois pandemia polo medio, velaí temos unha nova xornada da Liga Nacional de Billarda conferencia NorLeste e retornamos como as marés, imparables, ás doces Terras de Miranda para disputar o undécimo Aberto da Tarta de Mondoñedo.
A partir das catro da tarde, no incomparable marco do campo de fútbol “Viñas da Veiga”, os paláns bourarán nas estornelas, ¡que bruen, de novo, polos ceos de Mondoñedo!
¡O xogo na terra rexurde e berra: billarda sempre, adiante co Varal!