Crónica II Aberto de Riotorto

O II Aberto de billarda de Riotorto non defraudou nin a nivel organizativo, nin competitivo, nin de terceiro tempo.
As Troitas Bravas, con Sachas ao frente, volveron a preparar unha grande xornada de billarda. Pero non foi o riotortense o máis destacado das Troitas, ese privilexio tivérono Sandra Fernández, que se levou a vitoria feminina e Antonio González, Tonho, que con 24 puntos lle disputou o aberto nun axustado desempate a dous dos mellores palanadores da LNB quedando terceiro por detrás do billardeiro musical Manu Pozo, que se quedou no segundo posto e do campión do aberto Charly Crecente que esta tempada está deixando uns rexistros inalcanzables para os seus perseguidores na xeral e de récord en tódolos rexistros históricos da LNB!
Por equipos foron os Carabullo os que asaltaron o campo da Veiga e, con un só punto de vantaxe sobre os anfitrións, leváronse o primeiro posto.
Para o terceiro tempo, con un xantar de irmandade e posterior degustación de bebidas espirituosas na “Casa da luz” en Bretoña, os medios informativos do Varal quedaron sen cobertura e non puideron informar do ocorrido. Agardamos poder dar máis datos proximamente.
Billarda sempre! Adiante co Varal e coa Ferrería de Riotorto!

Advertisement