Crónica II Aberto Castiñeiro

¡Bud Spencer e Terence Hill tamén estiveron en Pacios!
Bud minguou de tamaño, pero non de forza e rencarnouse en Diego, o infantil dos Madia Leva que fixo unha fantástica xornada amosando uns golpes en cada carreira tan fortes e precisos que lle serviron para acadar o podio, logo de desempatar cun dos favoritos cada xornada, Sachas. Só puideron con Diego, David Navallo que acadou o segundo posto e o Terence Hill da Ponte de Outeiro, Santi, que xa parece totalmente recuperado da súa lesión e acadou a vitoria final no II aberto do Castiñeiro Milenario. Esta fazaña serviulle ao seu equipo, os Carabullo, para gañar a súa terceira xornada consecutiva, cuarta da tempada, pero que non lle serven para pescar as Troitas Bravas, que seguen a manter unha boa vantaxe no máis alto da clasificación xeral por equipos.


A equipa local, Castiñeiro Milenario, mermado polas baixas de Nedi, Citoula e José Roca, non só organizou unha impecable xornada e agasallaron as persoas vencedoras cunhas fantásticas cestas, trofeos artesanais e castiñeiros, se non que tamén foron campións absolutos comendo o cocido e bebendo viño no restaurante Galicia de Baamonde.
A seguinte cita será no berce da LNB, en Bretoña, onde naceu esta tolemia, o día 8 de abril recunca Maeloc a coller o palán!
Adiante co Varal! Castiñeiro Milenario e billarda sempre!

Advertisement