Ao redor dun cento de xogadores converxeron, outro ano máis, no que xa é unha das máis míticas convocatorias da Liga Nacional de Billarda: o Aberto de Flores. Van xa 15 anos de historia dunha competición organizada persoalmente por Manolo Flores, lenda da LNB e seleccionador nacional, en San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros.
A xornada, con tempo revolto, amosou outra vez máis a potencia e o talento da LNB, onde compiten desde cativas e cativos ata as vellas glorias coa idea orixinal que marcou o nacemento deste movemento: ¡Outro deporte é posíbel!
Palanadoras e palanadores de todo o País non quixeron perderse a cita: Ribadeo, Meira, Muimenta, Lugo, Begonte, A Laracha, Carballo, etc. A maioría arroupados polos seus equipos. Desde a xénese, no ano 2004, ata hoxe, foron moitos os colectivos, asociacións, centros sociais e organizacións de todo tipo os que se incorporaron a este proxecto cun modelo de xestión único e referencial na Galiza.
Se cadra, xa vai sendo tempo de que alguén se interese en como se pode desenrolar un movemento participativo desta magnitude sen axudas públicas e sen liderazgos que, en moitos casos, dan protagonismo a persoas e fan sombra ao proxecto.
Parabéns a Charly, que foi o campión absoluto e parabéns a tódolos participantes.
Crónica do histórico palanador mariñán Tonho Randeeira











