¡¡Finde billardeiro!!

¡Achégase unha fin de semana que vai a tope coa billarda!

Este sábado 4, a partir das tres da tarde, en Lugo, volve A Candeloria, un dos festivais que apostou, desde o principio, pola billarda como un dos seus eventos na programación. Así que prepara o teu uniforme festivaleiro: palán nunha mao e na outra a guitarra eléctrica.

E o domingo 5, se cadra con resaca, ás once da mañá en San Miguel de Reinante, o noso gran seleccionador Flores comandará o seu aberto, un dos máis históricos e antigos da LNB, a duodécima edición do Aberto de Flores xa está aquí.

Billarda sempre! Adiante co Varal, co punk-rock e cos chistes de Flores!

Advertisement

XI Aberto da Tarta de Mondoñedo

Chega de novo a billarda salvaxe, chea de sensacionalismo, de escenas impactantes, homes coas tripas de fóra por culpa dun palanazo mal dado, mulleres esfoladas por unha billarda afiada de máis, cativos e cativas bébedas (coma Suelen) por culpa do túzaro do bar da LNB, vellos empalados cun varal colocado do medio do campo, vellas sacrificadas ao deus “VARAO”…Todo isto ben podía ser escenas dunha película Mondo.

Pero non.

O único Mondo que vas atopar esta xornada é MONDOñedo, así que esquécete do gore e do amarelismo culturalista e prepárate para unha apaixonante cuarta xornada da Liga Nacional de Billarda, prepárate para XI Aberto da Tarta de Mondoñedo. Ollo non estea envelenada.

XI Aberto do Minho

Este vindeiro 13 de novembro a LNB aterra na capital da provincia coa celebración da XI edición do Aberto do Minho. A partir das 11 o máxico son do golpe da madeira contra madeira encherá a mañá do domingo no campo de Nadela.

Para ir facendo boca deixamos o interesante artigo que escribiu Ana Martínez para o segundo número da revista A Malha da asociación Mádia Leva!, encargada de organizar esta cuarta xornada da Conferencia Nai da Liga Nacional de Billarda.

Billarda e indixenismo

Calquera día, nun torreiro, praza, prado.., en calquera terreo máis ou menos chao, pódense escoitar toques con son a madeira, algúns máis secos, outros máis vibrantes e brincadeiros, ver carabullos voando polo aire, describindo movementos con aceleración variable, e a un grupo de palanadoras, que coma irredutíbeis galos, resisten e alentan o lexendario xogo da billarda. Para practicalo, precísanse dous paus, a billarda, máis pequena e afiada polas puntas, e o palán. Con el pícase a billarda, que está no chan, para levantala, e unha vez no aire, golpeala para lanzala o máis lonxe posible.

Tradicionalmente as regras e o xeito de xogar variaba segundo as zonas, igual que o nome, sendo tamén coñecida coma estornela, bigarda, bilarda, billa, lipe, lililape, pincha, coto… O que non cambia é a afición e disfrute que xeraba e xera, pois hoxe a billarda está moi viva! Actualmente unha chea de xogadoras e xogadores de todas as idades participamos na Liga Nacional de Billarda (LNB). Pero como naceu a idea que puxo en marcha o rexurdimento do xogo máis popular de antano de todas as aldeas, vilas e cidades de Galicia, que cada xornada reúne a case un cento de entusiastas? Co obxectivo de obter a resposta a esta e outras preguntas transcendentais, falamos con Xermán Viluba, autor intelectual e material deste proxecto revolucionario e palanador dos Remourelle Bulls, que en declaracións exclusivas para Mádia Leva! explica: “Eu sempre sitúo o inicio da LNB a finais do século XX porque a cousa foi tan intensa que nunca me preocupei de mirar o ano, ademais así queda moito mítico”. Pero non se pode falar da LNB sen falar da A.C.D. O Varal, que se crea no inicio do século XXI para artellar a primeira gran competición regular de billarda. Consciente da gran eiva existente en canto á falta dun tratamento de valor cara ó “a todas luces, o noso desporto nacional”, considerou profundar no tema. Nese momento, e aínda hoxe, a referencia era “a pelota vasca e o jai alai en Euskal Herria, o cricket na India e Pakistán, o fútbol australiano en Australia, as chegas de bois en Portugal, o hurling e fútbol gaélico en Irlanda, o lacrosse en Estados Unidos e o fútbol só de testa nas culturas indíxenas amazónicas…” Nese contexto, nun campo de herba no corazón de Bretoña, unha brutal tarde de choiva e lóstregos, sucede o primeiro fito na historia recente da billarda, a primeira acción da LNB con formato de adestramento. Aquel día, a billarda encetadora arrincou ca mesma bravura coa que corenta anos antes despegara o Sputnik do cosmódromo de Baikonur, que quere dicir “terras fértiles” en lingua kazajo. O paralelismo entre estes dous momentos de maiúscula  importancia na historia da humanidade non remata aquí, pois como se dunha premonición se tratara, o significado do nome do satélite, “Compañeiro de viaxe, camarada”, foi un concepto que definiu dende o principio o estilo da billarda e da LNB. O seguinte paso foi realizar “o que sería o mítico primeiro manual do regulamento unificado da LNB, rachando así co minifundismo regulamentario que impedía unha verdadeira expansión do noso desporto nacional por todo o país. Foi editado coma suplemento do fanzine A Folha, explosiva publicación que producíamos e editabamos de xeito totalmente autoxestionado un colectivo de tres persoas que nos reuníamos nun piso franco en Mondoñedo”. O manual actuou coma un acelerante para que o lume da billarda fora incontible. Trala súa difusión,  xente interesada púxose en contacto con Xermán para poñer en marcha os Abertos da LNB. “Arrincou así unha xeira imparábel de Abertos que orixinou o que hoxe é a gran e referencial competición regular da LNB, que tivo o seu primeiro estalo na pista da Anguieira de Barreiros, xusto ó carón das olas do embravecido Cantábrico”. Un grupo de enviadas especiais do Mádia Leva! desprazámonos ó histórico lugar para visitalo e escoitar de boca de Xermán o seu relato. Comprobamos de primeira man a impresión producida nos nosos corpos, (pel de pita e cabelos de punta), por contemplar onde comezara todo. A billarda, igual que a vida, abrírase de novo camiño dende o mar.

A súa evolución acadou unha dimensión estratosférica e hoxe un aberto da LNB, un partido de liga, é un gran evento deportivo-cultural-lúdico-enxebre. Como o seu  nome indica, todo o mundo pode xogar, calquera que vaia pode participar, sen ter ido nunca, sen formar parte de ningún equipo… Os abertos son abertos! Calquera que pase por un terreo de xogo pode convertirse na revelación da xornada! A LNB é autoorganizada. Cada equipo encárgase de todo o necesario para xogar cada aberto e funcionamos sen subvencións nin a participación de ningunha administración.

Para imbuírse un pouco máis no mundo da billarda, velaquí uns conceptos chave para explicar con máis detalle como vai isto. En cada aberto da LNB xogamos cinco carreiras. Isto quere dicir que hai cinco oportunidades para intentar que a billarda entre no varal. O varal está ó fondo do campo. Son dúas varas verticais chantadas no chan, a unha distancia determinada a unha da outra. É o lugar ó que desexas chegar para puntuar. É un momento inesquecible a primeira vez que se entra no varal. En cada carreira cada xogadora ten a súa quenda, e o número total de golpes que pode realizar é variable. Se a primeira persoa que entra faino rápido, en poucos golpes ou incluso nun só, vai condicionar unha carreira máis rápida, posto que dende ese momento comeza a conta atrás dos golpes dispoñibles para o resto. Se unha billarda entra no varal dende a liña de saída nun só golpe é un varado. Aquí si que vale furar! Sobra dicir que esta é unha xogada de moito mérito ademais de espectacular, unha aspiración de calquera palanadora. En cada carreira, cada xogadora pode acadar unha puntuación de ata 5 puntos, polo que a puntuación máxima dun aberto é 25. Quen consegue esta proeza marcha para casa cun sorriso de orella a orella no medio dunha ovación multitudinaria. Pero máis alá dos aspectos físico-técnicos, tamén é moi salientable o seu aspecto inmaterial, pois coa billarda non só exercitamos o brazo dominante, xa que tamén fortalece a lingua, o espírito e moitas veces ata o bandullo. Así, en moitos lugares do país, unha chea de activistas alimentan á Conferencia Nai, berce da LNB, nun bucle de retroalimentación positiva ó que non se pode engaiolar.

Hoxe na Conferencia Norleste hai oito equipos, da Mariña, da Terra Chá e da comarca de Lugo. Incombustibles palanadoras conformamos os Remourelle Bulls, Billardeiros Musicais, Troitas Bravas, Carabullo, Chaínzos-Cadaval, Castiñeiro Milenario, Billarda Verde e Mádia Leva! Pero os abertos van máis alá. De Remourelle a Xunqueira de Ambía, da Ponte de Outeiro a Compostela, os toxos chegan ós campos de billarda en moitos lugares e eventos, organizándose numerosos abertos fóra de liga, dende festivais a festas patronais,  dende festas da poesía á conmemoración do Día da Patria, dende inauguracións de centros sociais a vodas, bautizos e comunións… calquera aberto luce máis se inclúe o zoar dunhas billardas. Sendo nestas ocasións, moitas veces, cando a xente escoita por primeira a chamada da billarda e sinte nas súas mans a forza inconmesurable que proporciona empuñar o palán.

Paralelamente ó crecemento imparable da LNB, o Mádia Leva! medrou moito esta tempada, con fichaxes que aportaron enerxía e pulo ó equipo. Contamos con xogadoras con características técnicas do máis variado, o que nos confire un estilo de xogo flexible e dinámico, que abrangue  adaptatibilidade a todos os terreos de xogo, con fochancas, con pozas.., acondicionamento a todas ás situacións climatolóxicas, con posibilidade de xogar a calquera hora do día e en calquera estado fisiolóxico, antes de xantar, despois… As nosas palanadoras máis cativas teñen grande mérito, sobre todo polo alto nivel de diversión e entusiasmo que acadan en cada encontro. Á par que o tamaño do equipo tamén medrou a actividade. Estamos tendo unha boa frecuencia de adestramentos, con circunstancias de sol e humidade ideais para manter as billardas en condicións aerodinámicas óptimas, e vimos de organizar dous abertos no mes de novembro, o XI Aberto do Miño, correspondente á terceira xornada da LNB 2021/2022, e un mini abertiño con magosto e foliada, cun palán antifascista único e orixinal como primeiro premio, obra do Rato Fumador, cerebro creativo do equipo. Precisamente neste último foi onde lle colleron o gusto á billarda as dúas últimas xogadoras que se incorporaron ó equipo. Ambos abertos tiveron gran acollemento e participación.

Para chegar ata aquí, o equipo de billarda Mádia Leva! pasou por varias etapas. Naceu no 2008 e nese ano tamén organizou o seu primeiro aberto, que non era de liga, no Pazo de Feiras de Lugo, ó cal deu cobertura mediática Tele Varal. Dende 2009 a 2014 este primeiro equipo do Mádia non parou e organizou abertos de liga todos os anos, ademais doutros coma no San Froilán, no Parque de Rosalía. Dende o 2014 ó 2018 precisouse un tempo para a reflexión contemplativa, e non houbo equipo do Mádia coma tal, tempo no que algúns integrantes realizaron unha estadía en Castroverde para contrastar técnicas e coñecer de primeira man outros métodos de xogo. En 2018 o xermolo do rexurdir do equipo empeza a coller forza coa organización da 5ª Xornada da Conferencia Norleste da LNB, o Aberto de Billarda do Miño, VIII Torneo Cidade de Lugo. E na tempada 2019/2020 volve a haber equipo, organizando xa en plena forma o aberto de liga en novembro do 2019, tendo un parón, xunto con toda a LNB, polos acontecementos biolóxicos mundiais, ata o 2021, cando reiniciamos a actividade cos abertos organizados recentemente.

Se despois deste fluxo de información a túa curiosidade por saber máis da billarda medrou exponencialmente e sintes unhas ganas irresistibles de botarlle a man a un palán e disparar un fungueirazo cal foguete o día da festa, estás preparada para formar parte da historia deste ancestral xogo. Ponte en contacto con nós se queres vir a un adestramento ou para enterarte das datas da LNB e doutros abertos. Na billarda todo o mundo é benvida! E lembra, o miolo disto está, como dixo Xermán, no berro “Billarda e Indixenismo Sempre!!!”

De Castroverde á Pontenova

De Castroverde a Pontenova. 50 km e moitas fanegas de billardas.

De Castroverde á Pontenova hai 50 km máis ou menos. Castroverde pertence a comarca de
Lugo e A Pontenova a da Mariña Oriental, para chegar dunha a outra hai que pasar pola Terra
Chá e pola comarca de Meira. Pois ben, toda esa xeografía foi a que cento seis persoas,
repartidas en nove equipos, cruzaron para dar comezo a tempada 2022/23 da LNB.
Comezamos en Castroverde o día 25 de setembro, día de feira, día de sol e día do primeiro
pleno acadado por Sachas, un dos favoritos para acadar o título de campión nacional deste ano
e poder desbancar ao McEnroe da billarda, Charly, que, como é costume, tivo un gran comezo e chegou ao desempate a catro polo segundo posto entre o seu compañeiro de equipo, Javi Morán, Pablo Gómez o moteiro de Castiñeiro Milenario e o Billardeiro Musical Manu Pozo. Máis foi Javi Morán o que levou o
segundo posto e o croque na cabeza despois de probar a súa propia billarda. O podio
completouno Manu Pozo, que cos seus puntos contribuíu a que os Billardeiros Musicais foran
os primeiros líderes da clasificación xeral de equipos.
Seixas, o capitán de Billarda Verde tiña todo ben disposto para ao acabar o aberto facer a
entrega de trofeos que o seu compañeiro Manu Polka elaborou no taller da Chintofanería.
Acabado o aberto a tribu billardeira asaltou a feira de Castroverde para acabar co polbo, os
cachelos, o pan, o viño, a Pitusa, o churrasco, o café, o licor café e, por suposto, o chupito de Almax.

Non é casualidade que esta feira coincida en día e hora con outra que se celebra a 50 km máis ou menos, saíndo da comarca de Lugo, atravesando a Terra Chá, a comarca de Meira e chegando a Mariña Oriental. ¡Si, A Pontenova!

Para falar da Pontenova hai xente que di que as súas minas tal, que a IPV cal, o río, os
faragullos, os fornos… Máis o que destaca da Pontenova é o seu equipo de Billarda, ¡Troitas
Bravas
! Un grupo de persoas festeiras e comprometidas que saben como organizar unha
xornada como a do día 2 de outubro, que pasará a historia da LNB por ser a máis
multitudinaria. Ata o campo de fútbol da Mina chegaron 101 persoas para disputar a segunda
xornada abraiadas polo número de Troitas Bravas que ateigaba todos os recunchos do
billardódromo. Un total de 37 troitas albivermellas facía que miraras por onde miraras viras
peixes palanadores. Pero isto non amedrentou ás xoves promesas da Liga e foi unha delas a
que acadou o primeiro posto do aberto, Manu Caldeiro de Billarda Verde fixo 24 puntos e
levou a súa segunda navalla de campión do aberto do Ferro. Segundo foi outro mozo, que se
estreou, precisamente, neste aberto o ano pasado e xa está entrando en todas as quinielas
billardísticas, o Venezolano de Carabullo Anthony. O terceiro posto acadouno Regueiro, que
sendo o palanador que mais abertos leva disputados do seu equipo conseguiu acercarse ao
talento xuvenil das novas estrelas LNB. Por equipos foron de novo os Billardeiros Musicais os
que se levaron o primeiro posto, seguidos por Troitas Bravas e por Carabullo.
Como é costume xa, acabado o aberto chegou a hora de xantar e 70 persoas, moitas máis das
que participan noutros eventos amparados polas bandeiras da Xunta de Galicia, sentáronse á mesa xuntas no Lar da Balbina. Un xantar de irmandade que amosa o bo ambiente e
compañeirismo que manda na LNB, o cal fai que este modelo, con 17 anos de historia,
baseado na autoxestión, na amizade, na igualdade e no respecto pola cultura e a tradición, sexa
o que máis medra un ano tras outro: ¡Así é a Liga Nacional de Billarda!
A seguinte cita témola o 30 de outubro en Mosteiro (Pol), onde todas estades convidadas a
participar nesta loucura billardeira.

P.D: Do intento de roubo do tótem das Troitas Bravas por parte duns desaprehensivos, aínda non identificados, falaremos noutra ocasión e depuraranse as responsabilidades que faga falta.

¡Billarda Sempre. Adiante co Varal!

¡¡Bautismo de sangue en Vallekas co “Aberto de bilharda de la Karmela” !!

Hai uns anos a prensa mundial e a grea do politicamente correcto botáronse enriba do gran pelotari basco Bixente Larralde, cando iste, despois dunha gran vitoria na pista de xogo, na cea de celebración decapitou un galo coa boca ao estilo Ozzy Osbourne co morcego. Larralde alegou, en defensa propia, estar baixo os efectos do alcohol, unha causa que xa se presumía no  vídeo de escasamente sete segundos que narraba a xesta que se fixo viral inundando as redes facendo saír ouveos de condena ao acto de celebración dende o partido PACMA ate a fundación Brigitte Bardot.

Deporte e rock pesado e indíxena, coma Bixente e Ozzy Osbourne, coma a Billarda e os Abertinhos da LNB nos Festiviais da Galiza e do exterior… “SE NON TÉS PALÁN, POÑÉMOLO NÓS”, porque cada Abertinho nun festival é un pasaporte cara a unha inmolación segura en alcohol, drogas  e suores compartidos que che propón a LNB para combater a Banda Sonora Establecida que vai dende a Panorama a Rosalía (a unha e a outra) – Bravos en Ourol, Indianos en Ribadeo, Pardiñas en Guitiriz, Castiñeiro Milenario en Begonte, La Karmela en Vallekas…colle o palán e o manual do Activista LNB para que en cada  cada Festival haxa celebración incendiaria cun Aberto da LNB!! 

Fin de semana billardeiro

Comeza a tempada de festivais e, como non pode ser de outra forma, tamén a billarda formará parte deles!

O sábado o Festival da Chaira co XIII aberto xabaril da Chaira en Baltar é o domingo en Riotorto a festa/aberto fin de tempada!!!

Non entendemos festa sen billarda ou billarda sen festa!!

Crónica do XII Aberto do Coello de Suso

A Conferencia Norleste da Liga Nacional de Billarda chegou á súa fin. E ao igual que tódolos anos fíxoo co “Aberto do Coello de Suso” en Remourelle. Despois de dous anos sen o festivo peche final de temporada por mor da Covid, este ano tódalas palanadoras da serpe multicolor puideron gozar na pista e logo no baile-torrezmada final.

Sesenta e sete palanadoras se xuntaron nunha derradeira xornada na que, ademais do típico ambiente festivo, o cadro clasificatorio deseñado por Muriego foi visitado acotío para ver quen se alzaría co campionato. Unha fermosa parella de coellos criados con esmero por Villarino agardaban expectantes nunha tarde que ameazaba choiva, pero que rematou cun sol que convidaba a unhas cervexas servidas na TabernaLNB por Sandra e Lucía. Como é habitual nas últimas temporadas, os dez primeiros clasificados na xeral competiron no mesmo grupo e os máis ‘terrenais’ dividíronse noutros seis grupos.

A xornada serviu ademais para presenciar a volta ás pistas da LNB de varios palanadores históricos que tiñan o palán colgado. Marcos decidiu voltar no aberto da casa e formou parte duns Remourelle Bulls que rememoraron vellos tempos e acadaron a segunda praza por equipos. Tamén Andrés e Ginés, que formaran parte da franquicia local no seu día, voltaron á competición. Non sabemos se veñen pra quedar!

A competición voltou a demostrar unha vez máis a saúde da serpe multicolor, e amosou o bo facer dos máis novos. Os Diego, Mateu, Maré e moitos outros darán moito que falar máis cedo que tarde. Como era previsible nunha pista tan rápida como é a de Remourelle víronse un bo número de entradas directas e golpes espectaculares, onde Mark dos Madia Leva acadou puntos ao máis puro estilo dos Harlem Globetroters.

Nos seis grupos nos que o campionato ligueiro non estaba en xogo, tres palanadores sumaron 22 puntos. Jorge, dos Remourelle Bulls, Antom dos Madia Leva e Alvariño foron os mellores e tocoulles agardar se algún dos ‘favoritos’ os superaba.

O grupo dos favoritos non defraudou. Charli partía con sete puntos de vantaxe sobre Daniel e oito sobre Sachas. O de Muimenta non quixo dar ningunha oportunidade ao resto e comezou cun golpe directo para despexar dúbidas e incluso incrementou a diferencia na primeira praza. Os integrantes do podio non deron oportunidades aos perseguidores. Daniel amosou unha gran regularidade e Sachas, a pesar do seu comezo dubitativo refíxose e mantivo a terceira praza. Ao remate das cinco carreiras, Charli xa co campionato no peto, Regueiro e Isma sumaron 22 puntos e xogaron tres carreiras de desempate para dirimir o gañador do aberto.

Charli amosouse intratable e gañou as tres carreiras e fíxose co coello de Suso. Segundo foi o seu compañeiro Isma, amosando o gran nivel de Carabullo, e terceiro foi Regueiro, o capitán dos Troitas Bravas, ao que as presas por marchar muxir non lle xogaron unha mala pasada.

Na final de varados enfrontáronse os dous únicos palanadores que conseguiron semellante fazaña nesta campaña, Sachas de Troitas Bravas e Chousa de Carabullo. Tal como se agardaba, esta “pelexa de galos” non defraudou e despois de varios intentos, Chousa, cun golpe realmente incrible conseguiu levar o campionato para o seu equipo.

Remata a tempada e hai que dar os parabéns pola marabillosa organización a todos os equipos responsables de cada un dos abertos que configuran a Liga Nacional de Billarda, aos palanadores e palanadoras que fan centos de quilómetros ao ano para gozar desta paixón da billarda e que sen eles a LNB non existiría e, por suposto, aos campións e campioas. Para o ano máis e mellor, a LNB é imparable ¡Billarda sempre!

Marcos.

XII Aberto O coello de Suso

Con esta nova obra de arte do artista da LNB, Muriego Álvarez, os Remourelle Bulls convidan ao último aberto da tempada.

Ao terminar este XII Aberto do Coello de Suso terá lugar unha nova Torreznada Fest Billarda durante a cal se fará a entrega de trofeos de unha das tempadas máis igualadas e de máis participación da historia da LNB!

Adiante co Varal! Remourelle sempre!!