Se o vello Sinbad volvese ás illas, faríao deixando o seu batuxo imposibel á beira do río Masma e, acompañado por Sari, percorrer a cabalo dunha burra a máxica travesía que vai dende a antiga taberna da Retorta, onde se comían as mellores troitas do mundo, ate o barrio dos Muíños para saborear os petiscos e o viño do Valeco. Ó pasar por Coubeira, Sinbad atoparíase coa incríble tribo de Cochos Celtas que alí habitan, xunto coas vacas Cachenas e as galiñas de Mos, nun espectacular caladeiro ecolóxico de crianza autóctona dirixido polo xoven Nacho López. Pero o impacto máis brutal para o Mariño Sinbad e o seu criado, sería sentir o ruxir e o bafo da perigosa serpe multicolor que no campo municipal de fútbol de Mondoñedo, despois de dous anos sen acudir á vila do Pallarego polo suposto andazo chinés, retornaba, coa forza dun xabaril ferido, o Aberto de Billarda da Tarta de Mondoñedo.
Preto dun cento de palanadoras e palanadoras xunguidos á LNB (Liga Nacional de Billarda) acudiron prestos ó ouveo do Varal para disputar a primeira edición post-pandémica diste mítico torneo de billarda nas máxicas terras de Cunqueiro e da Taberna do Valeco. Mateu, o xovencísimo palanador dos Madia-Leva de Lugo, alcumado polos seareiros coma o Pedri da Billarda, acadou o terceiro posto no podio. Daniel de Billardeiros Musicais de Ribadeo o segundo e Charly de Carabullo levou para Muimenta a tarta grande do Val do Brea coma campión absoluto do Aberto. Unha mesma tarta despois dunha mesma loita que levou tamén a franquicia de Charly, Carabullo, coma equipa gañadora dista grande chega de bois billardeira, e non foi niste Aberto ningunha tarta marca do rei porque, ademais de non haber quen as trague, para a LNB na repostería, ó igual que na vida mesma, non recoñecemos ningunha raíña nen rei. Unha República Billarda que resoou en cada sopro de Chousa ás lapas, celebrando o aniversario e en cada grolo de viño do país co que os representantes da LNB-Mondonhedo, Merce e Xosé Manuel, agasallaron ó final do Aberto na Taberna do Valeco ós palanadores e palanadoras que quixeron alongar os seus varados ate o infinito.
Sinbad retorna ó batuxo a altas horas da madrugada tordeando e, desconcertado, pregunta a Sari se o Aberto de Billarda era en realidade ise experimento segredo do que fala o Indixenismo sobre a primeira macrogranxa de cochos e cochas celtas da Galiza… Billarda Sempre, Adiante con Sinbad!!







