Crónica do XII Aberto do Coello de Suso

A Conferencia Norleste da Liga Nacional de Billarda chegou á súa fin. E ao igual que tódolos anos fíxoo co “Aberto do Coello de Suso” en Remourelle. Despois de dous anos sen o festivo peche final de temporada por mor da Covid, este ano tódalas palanadoras da serpe multicolor puideron gozar na pista e logo no baile-torrezmada final.

Sesenta e sete palanadoras se xuntaron nunha derradeira xornada na que, ademais do típico ambiente festivo, o cadro clasificatorio deseñado por Muriego foi visitado acotío para ver quen se alzaría co campionato. Unha fermosa parella de coellos criados con esmero por Villarino agardaban expectantes nunha tarde que ameazaba choiva, pero que rematou cun sol que convidaba a unhas cervexas servidas na TabernaLNB por Sandra e Lucía. Como é habitual nas últimas temporadas, os dez primeiros clasificados na xeral competiron no mesmo grupo e os máis ‘terrenais’ dividíronse noutros seis grupos.

A xornada serviu ademais para presenciar a volta ás pistas da LNB de varios palanadores históricos que tiñan o palán colgado. Marcos decidiu voltar no aberto da casa e formou parte duns Remourelle Bulls que rememoraron vellos tempos e acadaron a segunda praza por equipos. Tamén Andrés e Ginés, que formaran parte da franquicia local no seu día, voltaron á competición. Non sabemos se veñen pra quedar!

A competición voltou a demostrar unha vez máis a saúde da serpe multicolor, e amosou o bo facer dos máis novos. Os Diego, Mateu, Maré e moitos outros darán moito que falar máis cedo que tarde. Como era previsible nunha pista tan rápida como é a de Remourelle víronse un bo número de entradas directas e golpes espectaculares, onde Mark dos Madia Leva acadou puntos ao máis puro estilo dos Harlem Globetroters.

Nos seis grupos nos que o campionato ligueiro non estaba en xogo, tres palanadores sumaron 22 puntos. Jorge, dos Remourelle Bulls, Antom dos Madia Leva e Alvariño foron os mellores e tocoulles agardar se algún dos ‘favoritos’ os superaba.

O grupo dos favoritos non defraudou. Charli partía con sete puntos de vantaxe sobre Daniel e oito sobre Sachas. O de Muimenta non quixo dar ningunha oportunidade ao resto e comezou cun golpe directo para despexar dúbidas e incluso incrementou a diferencia na primeira praza. Os integrantes do podio non deron oportunidades aos perseguidores. Daniel amosou unha gran regularidade e Sachas, a pesar do seu comezo dubitativo refíxose e mantivo a terceira praza. Ao remate das cinco carreiras, Charli xa co campionato no peto, Regueiro e Isma sumaron 22 puntos e xogaron tres carreiras de desempate para dirimir o gañador do aberto.

Charli amosouse intratable e gañou as tres carreiras e fíxose co coello de Suso. Segundo foi o seu compañeiro Isma, amosando o gran nivel de Carabullo, e terceiro foi Regueiro, o capitán dos Troitas Bravas, ao que as presas por marchar muxir non lle xogaron unha mala pasada.

Na final de varados enfrontáronse os dous únicos palanadores que conseguiron semellante fazaña nesta campaña, Sachas de Troitas Bravas e Chousa de Carabullo. Tal como se agardaba, esta “pelexa de galos” non defraudou e despois de varios intentos, Chousa, cun golpe realmente incrible conseguiu levar o campionato para o seu equipo.

Remata a tempada e hai que dar os parabéns pola marabillosa organización a todos os equipos responsables de cada un dos abertos que configuran a Liga Nacional de Billarda, aos palanadores e palanadoras que fan centos de quilómetros ao ano para gozar desta paixón da billarda e que sen eles a LNB non existiría e, por suposto, aos campións e campioas. Para o ano máis e mellor, a LNB é imparable ¡Billarda sempre!

Marcos.

Advertisement

A billarda e o seu Todo Incluído

TODO…

(o bo)

Fin de semana de billarda…

Fin de semana de resaca…

E é que a billarda deixa resaca a nivel emocional 😊

No I Aberto de billarda da Festa da Troita da Pontenova vivimos un cúmulo de momentos que revolven por dentro e recolocan por fóra…e nunca mellor dito!

A uns máis alto que a outros, iso si! Pois os premios foron de altura…

Tirolina as Minas quixo, doando os premios, que algún dos participantes voase máis alto que as billardas e observase A Pontenova dende outra perspectiva.

A chegada ao Pozo da Ola foi para case todos en manga corta e con protección solar a xeito de puchas, sombreiros, etc…

Algúns xa traían a calor de compañeira…pero de seguido o resío do Río fíxose notar e o vento facía que fose necesario en pouco tempo ir sumando capas (como as boas cebolas!)

Preto de 50 persoas reunidas dando golpes ás estornelas e ao ar, que como podedes imaxinar despois de ler ata aquí, era moito e “collíase” con facilidade…e hai que ser honestos, tanto a xente que se animou a probar por primeira vez, como aqueles que levan tempo no apaixoante mundiño,…daban golpes con resultados variados 😅 parece que o ar se enganchaba con máis soltura que as billardas 😱

Pero non remata aquí a historia deste sábado… aconteceron alí grandes negociacións entre diferentes membros dos equipos para tratar os comentados premios de altura, aínda que finalmente so puideron ser para os tres campións: Manu Caldeiro que A Pontenova semella ser o seu couto particular, Charly e Albino, todos de Carabullo e a campioa foi Mari Carmen de Trotas Bravas. Noraboa billardeir@s! Agora toca que cavilen con quen comparten os agasallos, pois as aventuras eran para dous😉

E coma en toda boa troula, non faltou a música e o baile; a agrupación local “A Chocolateira” tivo o detalle de acompañarnos ao remate do xogo para amenizar a entrega de premios e permitir que varios d@s participantes se animasen a botar un pe para quentar motores e, se cadra, seguir a festa despois.

E se nalgún intre, antes, durante ou despois, sentías ganas de mollar a palabra ou alixeirar a gorxa, aí estaba o equipo anfitrión con camareiro (Guti) ao longo de toda a xornada para facer sinxelo o acceso á beberaxe😊

Foi o primeiro, pero non será o derradeiro!

Billarda sempre amig@s!

…INCLUÍDO

(sempre)

Tania

Crónica I Aberto do Castiñeiro

A serpe multicolor da LNB

Pódense lanzar máis eloxios dos que xa se lles dixeron dende o 20 de marzal, á última franquicia que chegou á LNB, máis sempre serían poucos para definir a esta xente. Grandes Castiñeiro Milenario.

Organizan un dos mellores festivais do país, foliadas abertas, están ao carón das causas sociais, teñen un grupo de música tradicional, defenden coma poucas o patrimonio galego, organizan actividades durante todo o ano… e por riba, métense de cheo na historia da LNB organizando o Primeiro Aberto do Castiñeiro de forma exemplar, cun campo perfecto, con agasallos abraiantes, lanzando ás redes uns carteis espectaculares,  preocupándose de organizar un xantar colectivo e tamén traen un dron para dar que falar! Pero iso non é todo, o máis importante é que son un exemplo a seguir e un grupo de persoas fermosas por dentro e por fóra.

O domingo espertou solleiro, iso non o organizaron os de Castiñeiro, que algunha cousa tamén tiña que deixarse ás sortes, pero tamén axudou a que ao redor das once chegaran ao campo de Pacios as primeiras palanadoras, unhas tras outras ata completar 71 en total. Temos que recordar que xa no Festival 27373 se apuntaron 55 persoas nun aberto que xa é referente no vrao chairego.

A Daniel, dos Billardeiros Musicais, sempre se lle atragoou o aberto no festival pero, sen cervexa Aloumiña polo medio, non tivo rival nesta ocasión. Fixo 23 puntos e a recoller o primeiro premio, unha cesta de produtos locais, un castiñeiro e un trofeo que se levou para Ribadeo o Astérix da LNB.

O segundo posto ocupouno Regueiro con 22 puntos, que comandou tamén ao seu equipo, Troitas Bravas ao primeiro posto por equipos e, como consecuencia, púxose líder na xeral. Terceiro foi, tamén dos Billardeiros, Basilio con 21 puntos. Os agasallos para eles foron similares ao primeiro posto.

Castiñeiro organizou un gran aberto como xa comentamos, pero algúns palanadores marcharon escaldados e doentes coa organización. Tanto Chousa, o que máis podios ten, coma Ismael, o que máis vitorias logrou historicamente no Aberto do Festival 27373, botaron sapos pola boca, queixándose de que non houbera no bar cervexa artesá Aloumiña, o elixir que iguala as condicións billardísticas e reflexos de todas aquelas que a consumen. Se cadra alguén, intencionadamente ou non, ou quizais os propios de Castiñeiro, untados por vai ti saber que poderes fácticos, ocultaron a presenza da cervexa Barón Roxo nas navetas do bar ou, tamén pode ser, que estes dous palanadores só lle apuntan coas condicións físico-psíquicas diminuídas. A saber.

Outra cousa a destacar é a remontada que se prevé doutra equipa que rexurde. Billarda Verde quedou en sétima posición na xeral por equipos grazas as novas fichaxes, tres en total, a turinesa Giulia, o retornado Adrián e Leda, a máis nova de toda a LNB. Gran labor do seu capitán Seixas.

O murimarcador, obra de arte LNB

De novo, coma no resto de abertos da Liga brillou de forma especial o marcador. Muriego é o artista de referencia no mundo da billarda e cada aberto fai unha obra de arte. Xa lles prestaría no Anxo Carro ter un marcador así, xa lles prestaría ter un marcador… Que llo pidan a súa Federación. Máis nunca será coma o da LNB.

Dende o día 20 de marzal do ano 2022 xa non se entenderá a LNB sen Begonte, nin a Begonte sen LNB.

Adiante co Varal e Castiñeiro sempre!!

Aberto de Bilharda do Minho 2021

O MAGO DE CASTROPOL REAPARECE ENTRE A NÉBOA.

Un 14 de novembro Arafat declara o estado Palestino independente e vinte e tres anos máis tarde David Navallo declara en Lugo o estado independente de Castropol, aproveitando a néboa para mover os marcos ao seo antollo e deixar o Río Miño tinguido de vermello, o vermello de Troitas Bravas, que dominaron a xornada de principio a fin. O coñecido como “Mago de Castropol” acadou os vinte e catro puntos e só se acercaron a el o seu compañeiro de equipo, Xosé Regueiro e Daniel dos Billardeiros musicais, segundo e terceiro respectivamente.

Os tres primeiros clasificados do X Aberto do Minho

Por equipos, destacaron como ningún outro Castiñeiro Milenario, non pola súa elevada puntuación, se non pola indumentaria laranxa, que entre a néboa foi a única apreciable. Non foi o caso dos Carabullo que cometeron o erro de optar pola cor branca e ata que saíu o sol, non se soubo moi ben se estaban ou non. Quen si se soubo que estaban foron as Troitas Bravas que acadaron os 83 puntos, un máis que Carabullo e cinco máis que Chaínzos-Cadaval.

Aínda que, se temos que destacar a alguén, hai que falar de Mádia Leva, non só pola organización espectacular do Aberto, nin polas faixas que decoraban o campo de Nadela, nin pola tasca-LNB despregada a pe de pista, nin polo xenial estado do campo, nin pola organización do posterior xantar, nin polo vídeo promocional do aberto coa música de Kortatu, nin polo seu récord de participación nun aberto, nin polos seus sesenta e nove puntos… Mádia Leva quedará na historia da LNB por traer á liga a fichaxe do africano-canario Mark, este loitador canario deixou abraiadas a todas as persoas que se cruzaron con el no campo ou no bar. Esta personaxe merece un artigo para el só, cousa que chegará.

Por outra banda hai que falar dos eivados da LNB, Carlos de Castiñeiro Milenario e Seixas de Billarda Verde, que chegaron ao aberto con cadanseu brazo no colo e, a pesar desa deficiencia física, conseguiron ser dos máis destacados á hora de xantar e comer máis costelas de churrasco ca ninguén. ¡Dous grandes!

A seguinte cita da LNB terémola en Ribadeo, o día 12 de decembro, máis antes e para pillar forzas, Mádia Leva vai organizar un magosto con castañas, foliada e billarda o 27 de novembro. Alá nos vemos!

A continuación algunha imaxe do X Aberto Cidade de Lugo.

¡Billarda Sempre! ¡Mádia Leva Sempre! ¡Adiante co Varal!