Crónica I Aberto do Castiñeiro

A serpe multicolor da LNB

Pódense lanzar máis eloxios dos que xa se lles dixeron dende o 20 de marzal, á última franquicia que chegou á LNB, máis sempre serían poucos para definir a esta xente. Grandes Castiñeiro Milenario.

Organizan un dos mellores festivais do país, foliadas abertas, están ao carón das causas sociais, teñen un grupo de música tradicional, defenden coma poucas o patrimonio galego, organizan actividades durante todo o ano… e por riba, métense de cheo na historia da LNB organizando o Primeiro Aberto do Castiñeiro de forma exemplar, cun campo perfecto, con agasallos abraiantes, lanzando ás redes uns carteis espectaculares,  preocupándose de organizar un xantar colectivo e tamén traen un dron para dar que falar! Pero iso non é todo, o máis importante é que son un exemplo a seguir e un grupo de persoas fermosas por dentro e por fóra.

O domingo espertou solleiro, iso non o organizaron os de Castiñeiro, que algunha cousa tamén tiña que deixarse ás sortes, pero tamén axudou a que ao redor das once chegaran ao campo de Pacios as primeiras palanadoras, unhas tras outras ata completar 71 en total. Temos que recordar que xa no Festival 27373 se apuntaron 55 persoas nun aberto que xa é referente no vrao chairego.

A Daniel, dos Billardeiros Musicais, sempre se lle atragoou o aberto no festival pero, sen cervexa Aloumiña polo medio, non tivo rival nesta ocasión. Fixo 23 puntos e a recoller o primeiro premio, unha cesta de produtos locais, un castiñeiro e un trofeo que se levou para Ribadeo o Astérix da LNB.

O segundo posto ocupouno Regueiro con 22 puntos, que comandou tamén ao seu equipo, Troitas Bravas ao primeiro posto por equipos e, como consecuencia, púxose líder na xeral. Terceiro foi, tamén dos Billardeiros, Basilio con 21 puntos. Os agasallos para eles foron similares ao primeiro posto.

Castiñeiro organizou un gran aberto como xa comentamos, pero algúns palanadores marcharon escaldados e doentes coa organización. Tanto Chousa, o que máis podios ten, coma Ismael, o que máis vitorias logrou historicamente no Aberto do Festival 27373, botaron sapos pola boca, queixándose de que non houbera no bar cervexa artesá Aloumiña, o elixir que iguala as condicións billardísticas e reflexos de todas aquelas que a consumen. Se cadra alguén, intencionadamente ou non, ou quizais os propios de Castiñeiro, untados por vai ti saber que poderes fácticos, ocultaron a presenza da cervexa Barón Roxo nas navetas do bar ou, tamén pode ser, que estes dous palanadores só lle apuntan coas condicións físico-psíquicas diminuídas. A saber.

Outra cousa a destacar é a remontada que se prevé doutra equipa que rexurde. Billarda Verde quedou en sétima posición na xeral por equipos grazas as novas fichaxes, tres en total, a turinesa Giulia, o retornado Adrián e Leda, a máis nova de toda a LNB. Gran labor do seu capitán Seixas.

O murimarcador, obra de arte LNB

De novo, coma no resto de abertos da Liga brillou de forma especial o marcador. Muriego é o artista de referencia no mundo da billarda e cada aberto fai unha obra de arte. Xa lles prestaría no Anxo Carro ter un marcador así, xa lles prestaría ter un marcador… Que llo pidan a súa Federación. Máis nunca será coma o da LNB.

Dende o día 20 de marzal do ano 2022 xa non se entenderá a LNB sen Begonte, nin a Begonte sen LNB.

Adiante co Varal e Castiñeiro sempre!!

Advertisement

I Aberto do Castiñeiro

O 20 de marzo chega, por fin, a LNB a Begonte. Castiñeiro Milenario será o encargado de organizar este aberto por primeira vez. Unha nova conquista da LNB na Chaira.

Deixamos a cartelería e o vídeo que as compañeiras de Begonte foron espallando pola rede