Aberto do Galo

A LNB, iste pasado domingo, puido constatar, entre outras cousas, que a Devesa é, polo de agora, territorio libre da brutal praga de ratas-teipa que asulaga moitos dos prados da Galiza, ó contrario foi esceario dunha posta en escea que non deixa dúbidas que, con mascarilla ou sen ela , con vacinas ou sen elas… a billarda é un andacio  para o que non existe antídoto posíbel por moi profundo que o bérrago se introduza no pelexo da palanadora, palanador ou palanader.

Pese ao troco de data polo anagamento do terreo de xogo que obrigou aos Billardeiros Musicais, equipa organizadora do estalo, retrasar unha semana a data do Aberto, un espectacular sol matratou a xostregazos a mañá do domingo 19 de decembro para recibir a case un cento de participantes niste mítico Torneo do Galo que, por primeira vez na historia, decidía non levar á pista de xogo un animal vivo, senón agasallar cun trofeo conmemorativo, tratando así de integrar todas as sensibilidades que percorren o surco alimentario dende o canibalismo ao veganismo máis extremo.

Catro pistas acolleron aos 8 grupos nos que se englobaron os participantes niste gran aberto á beira da ría do Eo que tiña ós palanadores das Troitas Bravas Navallo e á serpe de Riotorto Sachas,  recén aterradas na Devesa pola tirolina dos éxitos que conecta A Pontenova con Lugo , coma grandes favoritos para facerse co prestixiosísimo Galo de Natal da LNB . Mais a convulsión absoluta propiciada na pista de xogo pola irrupción de estrelas míticas coma Xosinho combinada co estourido de novos referentes coma o volcán Kanario Marc d@s Madia-Leva pasando polo filtro afgano das barbas de Collazo e os bouridos de Alvariño fixo que iste derradeiro aberto de xeira pandémica do 2021 se convertira nun bruar continuo de esperanza cara a un cada vez máis preto futuro ceive e indíxena. Pese a non poder asaltar o máis alto do podio individualmente, as Troitas Bravas ousaron facerse co triunfo na categoría de equipas vacinando dúbidas ós Billardeiros Musicais pendendes dunha PCR no próximo aberto da Galiña de Mos de Castro Ribeiras de Lea. Quen non tivo dúbidas en ningún intre do torneo foi Javier do Cadaval,  o intratábel palanador silencioso foi facendo camiño ó palanear ate chegar á final e coma un raposo famento facerse co Galo de Natal da LNB. Moitas fiadas voltáronse a tecer niste aberto da Devesa para afianzar a gran rede de influencia e afluencia da LNB , iste natal  non deixes que as mazás podres manchen o cesto… Apalpador Sempre, Adiante co Varal!! 

Advertisement