III Aberto do Castiñeiro en Begonte.
Fai unha presada de anos que o indómito Tonho Randeeira contactou coas xentes de Begonte para dicirlles que se querían facer un festival tiña que ser diferente e indíxena, ademais tiñan na súa primeira edición como cabeza de cartel a Zënzar co Tabe, Manolo García, Xose Anton Bocixa Rei, Mario Grela e o Pakolas, que son e serán sempre un dos grupos referentes na LNB, polo que a billarda como actividade non podía faltar no Festival 27373 de música en galego. As xentes de Castiñeiro Milenario fixéronlle caso é non sabían ben o que estaban a facer… Acababan de crear un monstro!
Este é un breve resumo de como chegamos ao domingo pasado, o terceiro Aberto do Castiñeiro, organizado de forma maxistral polo equipo local, Castiñeiro Milenario. Que non só organiza este, se non que o seu Festival conta como referente da Liga de Vrao, o aberto que máis edicións leva e un dos máis numerosos en participación. Son tamén un dos equipos con máis participantes e porqué non dicilo, un dos máis queridos polo seu compromiso e compañeirismo dentro da LNB.
Pois todo isto fai que o Aberto do Castiñeiro sexa sempre impredicible no tocante ao resultado final e a xente ben o sabe, así foi que as persoas menos asiduas do podio ían co fervelle fervelle, incluso algún compañeiro elexíu este aberto para voltar ás pistas despois dunha tempada alonxado delas como foi o caso de Josecho das Filloas de Sangue da Coruña (benvido de novo).
Pero entre todos os planadores destacou a nova estrela emerxente das Troitas Bravas Billarda, un home tranquilo, pero que nunca dá unha billarda por perdida, un home que chegou dende Aldeguer, ao carón da Pontenova, ese non é outro que Juanki, o flamante campión da xornada, aínda que para iso tivo que desfacerse nun desempate do actual líder da clasificación absoluta, Basilio Fernández que foi segundo e a sorpresa da xornada, a zurda potente e impredicible da última fichaxe de billarda río Miño, Nolo.
Este podio repetiuse por equipos, quedando empatados no primeiro posto Billardeiros Musicais e Troitas Bravas seguidos de Billarda Río Miño.
Como é de costume nos eventos billardeiros organizados por Castiñeiro Milenario a entrega de premios é especial, non só polos extraordinarios trofeos artesanais feitos polas súas propias mans, nin polas caixas de agasallos e produtos locais que ofrecen, nin sequera pola gran mestra de cerimonias que foi Juncal. Nesta ocasión a emoción e a sorpresa tocoulle vivila ao capitán de Castiñeiro, o gran Xosé Manuel que recibiu de mans do Varal o trofeo que o acredita como campión da pasada Liga de Vrao da LNB, unha zoca billardeira de pau de bidueiro que fixo que os seus pequeniños ollos se humedeceran ao levantar ao ar de Begonte este simbólico obxeto cargado de historia e cultura para nunca máis pisar cos pés nus a nosa Terra.
Pero a LNB non dá tregua e temos que deixar a emoción gardada no peto da camisola, ese que está ao carón do corazón, para acudir á chamada do seleccionador Nacional, o Manolito de Xil, para ir a disputar o próximo sábado o Aberto de Flores en Barreiros.
Billarda sempre! Castiñeiro Milenario sempre! E Adiante co Varal!