Coma sempre, Remourelle é o lugar idóneo para a última festa billardeira na Norleste. Todo estaba preparado para coroar a campións e campioas desta tempada, xa se sabía que Charly ía ser o campión absoluto máis que merecidamente, nun ano no que non deu opción algunha para alcanzar o primeiro posto, quedaba así, o segundo e terceiro por aclarar. Sachas, Gundar e David Navallo eran os que máis opcións tiñan e foron os dous primeiros os que empataron a puntos no segundo posto.
Por equipos tamén estaba decidido e foron as Troitas Bravas Billarda as que se alzaron co campionato por primeira vez na súa historia, relegando aos campións do ano anterior ao segundo posto, os Carabullo. Terceiros foron os Billardeiros Musicais.
Pero todos os méritos para acadar estes postos quedaron, por un día, en segundo plano grazas a actuación da campioa da xornada, unha marabillosa Aroa que conseguiu a súa primeira vitoria nunha xornada LNB dunha forma abraiante, cedendo só dous puntos en toda a tarde e desfacéndose no desempate da final de Ismael que, en ningún momento, tivo opción do primeiro posto, mentres o terceiro posto foi para Gundar, unhas das revelacións da tempada.
Pero esta xornada non foi a última festa billardeira do ano… Agárdanos o Gran Aberto Nacional de Compostela do que pronto daremos máis información!
Billarda Sempre e Adiante co Varal!





